Saturday 04 de May de 2024

A Xunta e a Representación da Comisión Europea en España analizan o actual estado e o futuro da política de cohesión e as consecuencias do Brexit


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo mantivo hoxe unha reunión coa asesora da Representación da Comisión Europea en España en asuntos económicos, Ann Westman

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, mantivo unha reunión coa asesora da Representación da Comisión Europea en España en asuntos económicos, Ann Westman, onde analizaron o actual estado da Política de Cohesión e as consecuencias do Brexit.

No que respecta á Política de Cohesión, o debate actual está marcado polo axuste técnico das dotacións aos estados membros. A Comisión revisará as asignacións totais de todos os Estados membros tomando en conta a media do PIB dos tres anos máis recentes dos que se teñen datos (2012-2014). Se a diverxencia é de máis ou menos do cinco por cento, é necesario axustar estas asignacións, fixándose un tope máximo de catro mil millóns de euros a repartir. Westman e Gamallo analizaron esta situación e, sobre todo, centráronse no futuro de esta importante partida do orzamento da UE.

Con respecto á política rexional o director xeral tamén salientou a necesidade de defender unha acción máis decidida da Unión Europea coa crise dos refuxiados. Nese sentido Gamallo puxo en valor a importancia desta política pois, no caso de Galicia, contribuíu de forma decidida ao seu desenvolvemento nos últimos anos.

Na reunión tamén se abordou a cuestión da Condicionalidade Macroeconómica, ligada ao procedemento de déficit excesivo e que se encadra no Pacto de Estabilidade e Crecemento, a pedra angular da disciplina orzamentaria da Unión Europea. Jesús Gamallo reiterou a súa oposición aos criterios da Condicionalidade Macroeconómica xa que Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que si cumpriu os obxectivos de déficit e, o amosouse convencido de que dita situación non terá repercusións na adxudicación dos Fondos Europeos a Galicia.

Así mesmo, lamentaron o resultado do referendo británico que decidiu a saída de Gran Bretaña da Unión Europea, o Brexit, e lembraron que a retirada deberá organizarse conforme ao artigo 50 do Tratado da Unión Europea.